A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, destacou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, en comparecencia realizada a petición propia para informar da aplicación da Lei 12/2010 do 22 de decembro, de racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2011, que os pensionistas galegos supuxeron no pasado ano o 75% do número de receitas e o 81% do gasto. Ademais, tamén informou que o gasto por usuario en pensionistas na nosa Comunidade é de 773 euros ao ano, mentres que o de activos é de 85 euros ao ano.
Rocío Mosquera tamén remarcou a importancia da implantación na nosa Comunidade Autónoma do Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos e das medidas de boas prácticas de prescrición e bo uso do medicamento, así como á colaboración e implicación dos profesionais do Servizo Galego de Saúde.
Grazas a estas medidas, a factura farmacéutica en Galicia no 2011 foi de 829.194.000 euros, 102,1 millóns menos que no ano 2010, o que supuxo “unha diminución do gasto farmacéutico do 10,96% e sitúa o gasto en farmacia a niveis do 2007”, cando os incrementos en anos anteriores viñan sendo en torno ao 7%, agás no 2010, que xa se conseguira conter dito crecemento a so un 0,7%.
Ademais, esta medida tivo unha repercusión directa de aforro para a cidadanía con prestación farmacéutica activa de arredor de 6 millóns de euros, “xa que a cantidade que ten que aportar na dispensación dos medicamentos do Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos é inferior ao tratarse de medicamentos de prezo menor”, explicou.
Así, os 102 millóns de aforro “permitiron que a capacidade de pago da factura farmacéutica correspondente ás receitas médicas, puidera ser asumido de xeito máis ventaxoso para as contas públicas e se puidera pagar ás oficinas de farmacia de forma puntual”, afirmou a conselleira.
Doutra banda, o desenvolvemento das disposicións adicionais da lei 12/2010 repercutiu na mellora na utilización dos recursos farmacoterapéuticos no ámbito hospitalario. Así, subliñou Mosquera, “apenas se incrementou o gasto en farmacia hospitalaria no ano 2011, cun aumento do 0,18% respecto ao ano anterior, cando estes aumentos viñan sendo superiores ao 10% anual.
Dende o inicio desta lexislatura –dixo a titular de Sanidade- “tiñamos moi claro que neste eido existía moita capacidade de aforro e tamén da necesidade de facer grandes esforzos, cunha estratexia clara e medidas dirixidas a todos os puntos da cadea do medicamento”
Deste xeito, no ano 2009 púxose en marcha un programa integral para fomentar a prescrición de medicamentos xenéricos ou de menor custe, e implantouse de forma progresiva a receita electrónica en todas as farmacias e centros de saúde de Galicia, pasando dunha cobertura do 3% a case o 100% dos galegos. Ademais, este programa tamén incluía a incorporación dunha serie de ferramentas no módulo de prescrición da historia clínica (IANUS) para facilitar unha prescrición segura, eficiente e de calidade.
Outro dos datos subliñados pola conselleira foi o incremento de prescricion de xenéricos, que pasou dun 10% en abril do 2009 ata o 33,24% en decembro do 2011, o que nos sitúa por primeira vez por riba dos datos de España e preto do resto dos países europeos máis desenvolvidos.
Sostenibilidade do sistema
Galicia entende, -dixo Rocío Mosquera-, que este é un momento excepcionalmente complicado, polo que comparte a preocupación e o compromiso do Ministerio de Sanidade e do resto das Comunidades Autónomas, da necesidade de aplicar medidas para garantir a sostenibilidade do sistema.
A nosa Comunidade quere manter, -remarcou a conselleira-, os criterios de cohesión do sistema sanitario público, a eficiencia no seu funcionamento, e a equidade no acceso ás prestacións, polo que, neste momento, se debe adaptar este sistema á evolución demográfica e ao contexto de crise económica. Así, entre outras medidas, é necesario apelar á solidariedade mediante unha achega maior por parte dos que máis teñen, -remarcou a responsable do Sergas-.
Segundo dixo a titular da carteira sanitaria do Executivo galego, non se cambia o modelo existente, nin se implanta o pago dun euro por receita, xa que se optou pola distribución do esforzo en función da renda. Así, a prestación farmacéutica realizarase segundo a renda con exencións e topes para os pensionistas, parados sen prestación e ás rendas máis baixas.
Aforros
As medidas adoptadas no Consello Interterritorial permitirán, -sinalou a conselleira-, un aforro no gasto farmacéutico, ao evitar acumulación de medicinas nos domicilios. Tamén se prevé que se reduzan as 238 toneladas de medicamentos pagados que se destrúen cada ano, por ter caducado ao non utilizarse.
Lembrou, así mesmo, que Galicia atópase nunha situación financeira mellor que outras Comunidades Autónomas, grazas á estratexia de xestión sanitaria responsable e eficiente desenvolvida dende o ano 2009, con medidas efectivas para protexer a solvencia do sistema sanitario público.
Galicia xa aplica medidas complementarias, o que permite que teña unha situación financeira máis favorable, e a convirte nunha das comunidades autónomas que paga con menor demora aos seus proveedores, -destacou a conselleira-.
http://saladecomunicacion.sergas.es/Paginas/DetalleNova.aspx?idioma=es&IdNova=7286
http://saladecomunicacion.sergas.es/Paginas/DetalleNova.aspx?idioma=es&IdNova=7286
No hay comentarios:
Publicar un comentario